jueves, 17 de febrero de 2011

Rota a pé polas terras de Álvaro Cunqueiro e visita Cultural a Mondoñedo






Data: Domingo 27 de febreiro de 2011
Rota da auga- 9,5 quilómetros / 5 horas
Saída ás 8:30 horas
Rota e visita cultural guiada

Prezos: socios 8 euros
Non socios: 12 euros
Nº Conta Caixa Galicia 2091 0014 92 3000179557
Prazas limitadas
Contacto: direccion@montedaestrela.org


A ROTA DA AUGA

A rota que propomos por Mondoñedo, quere facer honra á terra do Álvaro Cunqueiro, autor de obras insignes na literatura galega, como: "Merlín e familia", "Crónicas do Sochantre", "Escola de menciñeiros", "Se o vello Simbad volvese ás illas", "Xente de aquí e de acolá", "Os outros feirantes"... O motivo non é outro, que conmemorar o centenario do seu nacemento (1911-1981).

Esta terra, localizada ao pé da serra do Xistral, posúe unha grande riqueza natural, da que fan parte toda unha serie de vales e abas, de gran singularidade biolóxica e paisaxística, sen esquecérmonos dos múltiplos ríos, regos e regatos que sulcan este privilexiado territorio. Tanto é así, que como dicía o ilustre escritor mindoniense, "Mondoñedo é rico en pan, en augas e en latín". Por tanto, un concello con moito patrimonio, historia e cultura (latín) e cunha formidábel variedade de formas acuáticas,cuxa principal fonte é fornecida polo río Masma.

DESCRICIÓN DA ROTA: Este itinerario constitúe unha alternativa á vida urbana, na que nos adentraremos en recantos naturais de gran beleza, nos que están presentes, todo tipo de paisaxes, formas e cores, como son bosques autóctonos, muíños, aldeas de lousa, ríos e fervenzas.

Na primeira parte do percurso, poderemos contemplar a "Fonte Vella", que data do século XVI, para máis adiante atravesarmos por bosques poboados de especies singulares e chegarmos ao "Muíño de Lavapés".

A senda continúa á beira do "Regato do Coro", para terminar na apoteose da fervenza do mesmo nome.

Nunha segunda parte, apañaremos o "Camiño das sete voltas", que nos levará até a aldea do Barral e as proximidades da "Cova do Rei Cintolo", percorrendo fermosas paraxes e antigas aldeas como as de Supena, Orxal, Pacios e Vilar, para voltarmos novamente aos arredores da entrada da antedita Cova.

PATRIMONIO HISTÓRICO: Mondoñedo reúne un amplo patrimonio monumental, que nos nosos días está catalogado como conxunto histórico-artístico. É de especial mención a Catedral construída no século XIII, o Pazo Episcopal, a Fonte Vella, construída sobre unha anterior en 1548, o Real Seminario Conciliar Santa Catalina, o Consistorio Vello, o Mosteiro da Concepción (século XVIII), o Santuario da Nosa Señora dos Remedios, o Hospital de San Pablo e San Lázaro e a Ponte do Pasatempo.

MANUAL DE CAMPAÑA: A saída será ás 8.30, da paraxe de ómnibus, sita no centro de Arteixo (dirección Coruña). De aí, iremos a Mondoñedo, para comezarmos a rota ás 10.15 da mañá, mais non sen tomar antes un merecido café, que nos acorde completamente. Posteriormente, por volta das 12 farase un pequeno descanso duns dez minutos, para recuperarmos folgos e así continuar até a hora de xantar, que será polas 14 horas, o último impulso até o final da rota de hoxe.

Ás 17 horas aproximadamente, faremos unha visita guiada pola vella e fermosa vila de Mondoñedo, onde se percorrerán os lugares máis significativos e emblemáticos do autor homenaxeado.

O regreso será por volta das 18 horas.


Organiza

Asociación Cultural Monte da Estrela


Colabora

Diputación da Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada