viernes, 1 de abril de 2011

Rota a pé polos ríos Vilacoba e San Xusto no Concello de Lousame


Data: Sábado 9 de abril de 2011
Rota Dos rios Vilacoba e San Xusto
19 quilómetros / 6 horas
Grao de dificultade: media-baixa
Saída ás 8:30 horas
Rota e visita guiada

Prezos: socios 8 euros
Non socios: 12 euros
Nº Conta Caixa Galicia 2091 0014 92 3000179557
Prazas limitadas
Contacto: direccion@montedaestrela.org
telf. 667 860 775

Haberá xantar organizado 10€
- Previa Inscrición -


Esta rota vai percorrer as terras de Lousame, un dos concellos máis grandes do seu contorno e tamén un dos máis descoñecidos.

DESCRICIÓN DA ROTA:

No comezo da mesma, no lugar de Brandia, temos as ruínas dunha fábrica de papel, primeira das catro que imos encontrar, ao longo do noso percurso. Xunto á papeleira, hai unha área recreativa, na que destacan dous muíños restaurados.

Nesta primeira parte da rota, de Brandia até Soutorredondo, o río Vilacoba decorre manso e tranquilo, polo medio dun vizoso bosque de ribeira. Así mesmo, o val percorre o Concello de Este para Oeste, dividindo as parroquias de Vilacoba, Lesende e Lousame. Ao longo deste camiño cara o mar, poderemos apreciar unha gran diversidade natural, tanto morfolóxica canto paisaxística e biolóxica, que pode observarse a simples vista, camiñando pola senda das súas ribeiras. Este percurso, continúa polas do seu parceiro, o río San Xusto, que dá nome á parroquia que atravesa, após o seu nacemento en terras de Fontefría.

Na seguinte aldea, a do Castro, temos a uns cen metros da beira esquerda, as aínda impresionantes ruínas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste treito, e debido a que o río non ten desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial, como a que encontramos un pouco antes da aldea de Cerquides, perto das ruínas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño. Este traxecto é fácil de andar, e moi apropiado para desfrutar do solitario e frondoso entorno polo que transcorre.

A segunda parte da rota, comeza despois de retomar o camiño, pola beira dereita do río. Á altura desta aldea hai uns afloramentos graníticos que a auga foi erosionando, dando lugar a unha serie de pozos ou piscinas (Pozo das Vacas, Pozo Negro). Nesta impresionante paisaxe, que forman os pozos coa vexetación de ribeira e a morfoloxía do terreo, temos varios muiños pertencentes á aldea de Lesende, o da Fonte e o de Calistro. Será ultrapasando estes rápidos, cando cheguemos á ponte medieval de A Gaiteira, que comunicaba a aldea de Aguieira coa igrexa de Lesende, parroquia á que pertence.

A camiñada continúa pola ribeira dereita do río, cara á ponte de Vilacoba, topando no medio co Pozo da Escaleira, moi visitado no verán polos mozos do contorno. O camiño volta a ser bastante doado, unha vez deixadas atrás a subida a Lesende e a zona dos pozos.

Ao chegarmos á ponte de Vilacoba, desviámonos cara ao monte Colou, continuando o percurso até á aldea de Toxosoutos.

Desde a antedita aldea, pola senda do río San Xusto, xunto á igrexa, pódense facer visitas ás dúas fervenzas, que configuran unha das partes máis espectaculares do noso traxecto.
Posteriormente, atravesaremos a ponte de madeira que hai atrás da Casa Reitoral (convertida en albergue turístico), por unha pequena corredoira que nos conduce ao pombal propiedade do mosteiro.

Partindo deste ponto, imos dar á carballeira da beira do río, por onde continuamos até un camiño que nos leva a Cabanetán, para descermos de novo á beira do mesmo e continuar o seu curso por volta do Pozo do Capitán (en Boña) no que novamente poderemos gozar dunha impresionante fervenza.

O camiño continúa polo canal, que leva a auga á fábrica de papel das Maceiriñas e de alí atravesamos o monte de Béxeres, até chegarmos de volta ao río Vilacoba, na ponte que hai no frontal da fábrica de Fontán.

MANUAL DE CAMPAÑA: A saída será ás 8.30, da paraxe de ómnibus, sita no centro de Arteixo (dirección coruña). De aí, iremos a Lousame, para comezar a rota ás 10.15 da mañá, mais non sen tomar antes un café, que nos acorde completamente. Posteriormente, por volta das 12 farase un pequeno descanso duns 10 minutos, para recuperarmos folgos e así continuar até a hora de xantar, que será por volta das 15.00. Logo dunha hora para comer, retomaremos de novo a rota.

Nesta camiñada, existe a posibilidade de comer no albergue turístico, xunto á igrexa e as dúas fervenzas de Toxosoutos. O prezo do menú é de 10 euros e consistirá nuns petiscos (tortilla, empanada,...) e freixada (raxo con patacas, e pementos), bebidas (auga, e refrescos) e de sobremesa Tarta de queixo ou de mazá. Quen quixer xantar neste lugar, é imprescindíbel inscribirse antes do día 7 de abril.

O regreso será por volta das 18.30

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada