jueves, 23 de diciembre de 2010

O XOVES 29 PRESENTARASE EN ARTEIXO A OBRA “GALIZA” DE MANUEL MARÍA E O PROXECTO DA CASA MUSEO DO ESCRITOR




O XOVES 29 PRESENTARASE EN ARTEIXO A OBRA “GALIZA” DE MANUEL MARÍA E O PROXECTO DA CASA MUSEO DO ESCRITOR.

A escritora Marica Campo lerá poemas de Manuel María


O xoves día 29 presentarase en Arteixo a obra inédita de Manuel María titulada “Galiza”, así como o proxecto da Casa Museo do escritor que está promovendo a Fundación que leva o seu nome. O acto, organizado pola Asociación Cultural “Monte da Estrela”, está previsto para as 20 horas no Centro Cívico Cultural e contará coas intervencións de Xosé R. Freixeiro, catedrático de Lingua Galega na Universidade da Coruña, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e Aniceto P. Nunes directivo da Asociación. Ademais, contarase no acto coa presenza de Saleta Goy, viúva do escritor e con Marica Campo que dará lectura a algúns dos poemas de Manuel María.

A Fundación leva tres anos traballando para converter a casa natal de Manuel María en Casa Museo do escritor. A Fundación acaba de adquirir dita casa e dará a coñecer no transcurso do acto o proxecto da súa remodelación de maneira que se adecúe aos novos usos culturais que se pretenden.

O libro “Galiza” sae á luz da man da Fundación nunha edición moi coidada con ilustracións de Xosé Cobas e fotografías de Manuel Graña. A obra reproduce un texto mecanografado polo autor que permanecía gardado no seu arquivo particular e que figura sen datación, aínda que da súa lectura se desprende que foi escrito arredor de 1986 ou 1987. A pesar do tempo transcorrido, a obra conserva todo o seu valor e actualidade, xa que o autor se centrou fundamentalmente naqueles aspectos do país que resultan máis permanentes e, por tanto, menos suxeitos ás inevitábeis mudanzas temporais. Ao mesmo tempo, tal como o autor deixou expresado no manuscrito, incorpóranse ilustracións e gráficos que complementan a información ofrecida por el, mais con datos actuais, de modo que o libro se presenta ao público de hoxe perfectamente posto ao día no relativo á información que contén.

Trátase dunha síntese da historia e da xeografía da Galiza realizada por un dos escritores galegos máis destacados da segunda metade do século XX e por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto fisicamente, como espiritualmente, xa que tivo unha dedicación constante ao estudo e á reflexión sobre a historia, a literatura, as tradicións e a alma dunha Galiza que amaba profundamente.

Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil.



Arteixo a 22 de novembro de 2010

ASOCIACIÓN CULTURAL MONTE DA ESTRELA

No hay comentarios:

Publicar un comentario