jueves, 23 de diciembre de 2010

O XOVES 29 PRESENTARASE EN ARTEIXO A OBRA “GALIZA” DE MANUEL MARÍA E O PROXECTO DA CASA MUSEO DO ESCRITOR




O XOVES 29 PRESENTARASE EN ARTEIXO A OBRA “GALIZA” DE MANUEL MARÍA E O PROXECTO DA CASA MUSEO DO ESCRITOR.

A escritora Marica Campo lerá poemas de Manuel María


O xoves día 29 presentarase en Arteixo a obra inédita de Manuel María titulada “Galiza”, así como o proxecto da Casa Museo do escritor que está promovendo a Fundación que leva o seu nome. O acto, organizado pola Asociación Cultural “Monte da Estrela”, está previsto para as 20 horas no Centro Cívico Cultural e contará coas intervencións de Xosé R. Freixeiro, catedrático de Lingua Galega na Universidade da Coruña, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e Aniceto P. Nunes directivo da Asociación. Ademais, contarase no acto coa presenza de Saleta Goy, viúva do escritor e con Marica Campo que dará lectura a algúns dos poemas de Manuel María.

A Fundación leva tres anos traballando para converter a casa natal de Manuel María en Casa Museo do escritor. A Fundación acaba de adquirir dita casa e dará a coñecer no transcurso do acto o proxecto da súa remodelación de maneira que se adecúe aos novos usos culturais que se pretenden.

O libro “Galiza” sae á luz da man da Fundación nunha edición moi coidada con ilustracións de Xosé Cobas e fotografías de Manuel Graña. A obra reproduce un texto mecanografado polo autor que permanecía gardado no seu arquivo particular e que figura sen datación, aínda que da súa lectura se desprende que foi escrito arredor de 1986 ou 1987. A pesar do tempo transcorrido, a obra conserva todo o seu valor e actualidade, xa que o autor se centrou fundamentalmente naqueles aspectos do país que resultan máis permanentes e, por tanto, menos suxeitos ás inevitábeis mudanzas temporais. Ao mesmo tempo, tal como o autor deixou expresado no manuscrito, incorpóranse ilustracións e gráficos que complementan a información ofrecida por el, mais con datos actuais, de modo que o libro se presenta ao público de hoxe perfectamente posto ao día no relativo á información que contén.

Trátase dunha síntese da historia e da xeografía da Galiza realizada por un dos escritores galegos máis destacados da segunda metade do século XX e por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto fisicamente, como espiritualmente, xa que tivo unha dedicación constante ao estudo e á reflexión sobre a historia, a literatura, as tradicións e a alma dunha Galiza que amaba profundamente.

Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil.



Arteixo a 22 de novembro de 2010

ASOCIACIÓN CULTURAL MONTE DA ESTRELA

sábado, 11 de diciembre de 2010

Camiñada


Agradecidos pola participación e por contar coa colaboración de Xoán Creus que tan ben nos foi comentando ao longo do camiño as súas impresións e consellos.
Grazas a todos.










domingo, 5 de diciembre de 2010

2º Dia das Unidades Didácticas


O día un de decembro os rapaces de sexto de primaria do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo tiveron a ocasión de acercarse ao oficio dos torneiros coa madeira. Unha xornada que sen dúbida non esquecerán.

sábado, 4 de diciembre de 2010

Camiñada Monte da Estrela





CAMIÑADA SÁBADO 11 DE DECEMBRO

Arteixo: o desenvolvemento dunha periferia

Esta camiñada está dedicada a realizar unha valoración aproximada do urbanismo, após da chegada da industria a Arteixo, alá polos anos cincuenta. Mistura dun pasado, un presente e un futuro que máis que se integraren están a pór en perigo o patrimonio histórico, natural e paisaxístico do territorio, e por tanto, tamén o benestar dos que alí habitan.

Imos camiñar por lugares como Rañobre, Suevos, ou Pastoriza, por seren as zonas que de forma máis brusca viron mudar a súa paisaxe e modos de vida, a medida que a industria foi chegando.

Para a ocasión contaremos con Xoán Creus Andrade (Cee, 1966), Arquitecto titulado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña en 1992, e profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da mesma universidade.

Se as circunstancias metereolóxicas foren adversas, a actividade será substituída por unha palestra que terá lugar no Centro Cívico de Arteixo ás 10:30h

Lugar e hora de partida: Igrexa de San Tirso de Oseiro - 9:30h -
Iscrición gratuíta: direccion@montedaestrela.org
Tlf 667 860 775 – 653 534 320

www.montedaestrela.org

Organiza ASOCIACION CULTURAL MONTE DA ESTRELA

Colabora Concello de Arteixo
Concellaría de Cultura