miércoles, 8 de junio de 2011

Rota Castro de Rei

MANUAL DE CAMPAÑA

A saída será ás 8:30, da paraxe de ómnibus, sita no centro de Arteixo (dirección coruña). De aí, iremos ao Castro de Viladonga, para comezarmos a rota ás 10.00 da mañá, mais non sen facer unha parada para tomar un café.
Lembrade que debemos levar comida para o xantar.

Descrición da rota

Comezaremos ás 10 da mañá, cunha visita ao Museo e Castro de Viladonga, un dos máis importantes da Galiza, de época tardo-romana e moi ben conservado. Desde o Castro temos meio mundo ao redor: os montes de Meira, o Cadramón, e aldeas como a de Vilaseñor, Francos,... e a pasaxe do Miño. Neste castro, apareceu o torques que a asociación “Amigos da Feira” de Castro de Rei, tomou como símbolo.

Rota do Azúmara

É un percurso de oito quilómetros que une o castro de Viladonga coa vila de Castro de Rei, que acondicionaron e puxeron en andamento os membros da asociación “Amigos da Feira”, hai máis de dez anos.

Principiaremos no Monte Cordal, para atravesalo, cunha subida suave e cómoda, que nos oferecerá as primeiras panorámicas: Á esquerda o Val de Francos, pola direita aldeas e casais ollando para a Serra de Meira. Se tivermos o Ceo limpo, poderemos ver o Pedregal de Irimia, verdadeiro berzo do río Miño, unha mancha branca a meia aba. No camiño, toparemos con plantas próprias destas alturas, uces, carqueixas,...

Descendo o Cordal, o camiño vira á direita cara unha casa solitaria, Lamarredonda, e xa a seguir, veremos ao fondo, o Cadramón.

Ao pouco entraremos nun extenso e máxico campo de amieiros, no que a senda irase estreitando, para recebernos máis abaixo, o río Azúmara. Axiña veremos o muíño de prado, hoxe silencioso, e unha casa de alta chaminé. Posteriormente, o camiño volta a estreitarse é a ser frondoso, tendo á nosa esquerda o Monte de Quinto, para toparmos en breve, a Carballeira do Rei con altos castañeiros e carballos. Mais adiante nasce o canal que levaba auga para a Mina de Arsénico, hoxe abandonada. A súa orixe é romana, e segundo contan, dela chegou a extrairse prata. O antedito canal atravesa prados e chousas. Á entrada da mina, podemos contemplar un arco de meio ponto

O segundo muíño da rota, fica na Presa de Prado, lugar fermoso e sombrío no que o río forma un pequeno encoro natural. Á esquerda asoman os lousados de Casas Novas e A Fieitosa, local este, de nascemento do poeta Francisco Vega Ceide, que asinaba co seudónimo de Francisco de Fientosa.

Máis adiante, cruzaremos o río por pequenas pontellas.

Estamos xa no lugar de Samesugueira, cun pé para rematar esta rota, en Castro de Rei, a vila que foi dos Condes de Lemos e preparou herdos cos Pardo de Cela. Disto foi testemuño o castelo, destruído na revolta Irmandiña e derrubado definitivamente en 1941, do que só resta o brasón. No entanto, aínda se conserva o castro orixinal e as casas circundantes. Embaixo teremos o noso parceiro de aventuras, o Azúmara.

Pararemos unha hora para xantar, polas dúas da tarde, no centro de Castro de Rei, á beira do Azúmara. Despois, ás 15:00 horas, coa colaboración e guía dun amigo do lugar, faremos:

A rota da Escrita

Este percurso de sete quilómetros, que atravesa agras e carballeiras, subiranos por unha vía sacra, cara ao Sagrado Corazón (un dos mellores miradoiros da Terra Chá).Teremos como compañeiros de viaxe, 24 poemas de poetas chairegos, e pasaremos por vizosas corredoiras e a carón dalgunhas fontes. Non esquezamos que estas terras, foron transitadas por labregas e labregos, coas súas xugadas de mansas vacas e valentes bois, non hai moito tempo...

O regreso será por volta das 18:00

No hay comentarios:

Publicar un comentario